Fin de semana apretado para os nosos deportistas.

Esta fin de semana 12 e 13 de abril preséntase sobrecargado de competicións para os nosos deportistas.

Copa de Europa Youth de Portugal de Pentatlón Moderno

Aroa Freije e Raúl Blanco participarán na Copa de Europa Youth de Portugal de Pentatlón Moderno, que se celebrará na cidade de Pataias (preto de Lisboa). O obxectivo fundamental é lograr os puntos necesarios para clasificarse para os Xogos da Xuventude, que terán lugar en China este ano. Na Copa do Mundo de Portugal as e os deportistas terán que realizar as probas de natación, esgrima e combinada. Recordamos que Aroa Freije rematou na sexta posición na Copa de Europa Youth de Gran Bretaña de Pentatlón Moderno, celebrada a mediados de marzo na cidade de Birmingham, era a máis nova das seis primeiras clasificadas.

Copa de Europa de Triatlón, Quarteira (Portugal)

Catro dos nosos deportistas María Ortega, Ricardo Hernández, Nan Oliveras e Antonio Serrat, integrantes da selección galega de triatlón, competirán esta fin de semana na Copa de Europa de Quarteira (Portugal), a primeira da presente tempada. Esta proba da puntos para o ránking mundial. A proba é un tríatlon olímpico (1.500 metros de natación na praia, 40 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pe). A proba elite feminina, na que hai 47 inscritas, celebrarase o sábado 12 de abril ás 13:45 hora portuguesa, mentres que a masculina, con unha inscrición de 76 deportistas, comezará ás 16:30 horas. Haberá un nivel altísimo, con potentes equipos como o de Francia, Inglaterra e Portugal.

O domingo será a quenda para os júnior, a proba feminina, na que hai 68 inscritas, competirán as 8:45 horas, mentres que a masculina, con unha inscrición de 77 deportistas farano ás 10:00 horas. En júnior, a distancia será sprint (750 natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe).

Copa Internacional de Pentatlón Moderno de Sant Boi

O día 12 celébrase a Copa Internacional de Pentatlón Moderno de Sant Boi de Llobregat (Barcelona), segunda proba clasificatoria para o Campionato de España de Pentatlón de Idades (prebenxamín a infantil) para a que foron seleccionados Lucas Pena na categoría alevín, Andrea Vidal, Martín Freije e Javier Pena na categoría infantil. Neste torneo participarán deportistas de Italia, Francia, Cataluña e Galicia.

Proba clasificatoria do programa “Xogade” de Duatlón Escolar

O resto de deportistas en idade escolar competirán na proba clasificatoria do programa “Xogade” de Duatlón que se disputará en Mondoñedo. A proba de ten como punto de saída, boxes e meta a rúa de Vilalba. As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil 1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira. O programa está formado por sete probas locais que son clasificatorias para as provinciais, de onde sairán os participantes na final galega. Clasifican para a provincial os 25 primeiros clasificados de cada categoría (masculino e feminino), ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración coa FEGATRI.

Los comentarios están cerrados.