XVI Dúatlon Cidade de Santiago

O sábado 3 de marzo celebrarase o XVI Dúatlon Cidade de Santiago, segunda proba do circuíto Galego de Dúatlon 2018, no que están inscritos un total de 210 deportistas.

Entre os inscritos masculinos temos a Antonio Serrat, vencedor do pasado ano e un dos triatletas galegos con máis proxección internacional; Antonio Souto e Pablo Lozoya.

Teremos unha gran participación feminina. As irmás Brea, Edymar e Joselyn, que parten coma grandes favoritas, recordamos que Edymar foi a vencedora na edición do pasado ano; pero tamén teremos a outras grandes deportistas coma Marina González, Barca Toba, Andrea Iglesias e María Souto.

A saída masculina será as18:00 e a feminina as 18:10. A saída, transición e meta estarán instaladas xunto ao Estadio de San Lázaro e as distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pé, 18,5 de bicicleta e 2,5 de carreira a pé.

Campións 2017. Edymar Daniely Brea e Antonio Serrat proclamáronse gañadores do XV Dúatlon Cidade de Santiago, no que participaron máis de 200 deportistas.

O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2018 conta con 4 probas (Cidade de Lugo, Cidade de Santiago, Concello de Riveira e Cidade de Vigo), que son clasificatorias para o Campionato Galego, que se celebrará en Narón o 14 de abril. Clasificaranse en cada unha delas 22 deportistas segundo as condicións aprobadas no Regulamento de Competicións FEGATRI 2018.

Os comentarios están pechados.