Fernando Alarza e Antonio Serrat disputarán a cuarta proba das Series Mundiais de Tríatlon

Fernando Alarza e Antonio Serrat disputarán o domingo 11 de xuño (16:45 horas, TVG-2) a cuarta proba das Series Mundiais de Tríatlon, que se disputará en Leeds, Gran Bretaña.

Será unha durísima proba para os nosos representantes, nun terreo predisposto para os Brownlee, que competirán xuntos por vez primeira esta tempada cun gran equipo británico disposto a romper a carreira na natación. A incógnita é saber o estado de ambos: Jonathan participou en Yokohama, pero unha picada na bicicleta impediulle facer un bo papel, aínda que as sensacións eran boas. Pola súa parte, Alistair esta tempada está a apostar por distancias longas e non participou ata o de agora nas Series Mundiais.

Alarza lucirá o dorsal número 1 en Leeds ao non estar na liña de saída Mario Mola, actual líder do Mundial. Tampouco participarán, Javi Gómez Noya (terceiro) ou Richard Murray, pero haberá grandes e duros contrincantes coma os Brownlee, Crisanto Grajales, Vincent Luis, Henri Schoeman…

Para Antonio Serrat será a súa cuarta serie mundial. Ten como mellor posto nunha serie o 21 en Estocolmo e foi o español máis novo en lograr puntuar nunha WTS. Serrat tentará volver a puntuar e para iso sería fundamental non perder moito tempo na natación, e evitar así esforzos extra na bicicleta.

A proba de Leeds celebrarase sobre a distancia olímpica, de forma que os deportistas deberán facer 1.500 metros de natación no Lago Waterloo, 38,6 quilómetros de bicicleta e 10 de carreira a pé, para finalizar na Praza Millennium.

As Series Mundiais de Tríatlon 2017 están formadas por nove probas que se disputan en Abu Dhabi, Gold Coast (Australia), Yokohama (Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá), Montreal (Canadá), Estocolmo (Suecia), e Rotterdam (Países Baixos). Tralas tres primeiras probas, Alarza é segundo na clasificación provisional do Mundial con 2.058 puntos, por detrás de Mario Mola (2.064) e por diante de Gómez Noya (1.862).

Os comentarios están pechados.