O noso deportista Antonio Serrat logrou meterse no top 20 da Serie Mundial de Leeds, ao acadar a 18ª posición, a pesar de que aínda estaba un poco renqueante pola forte escordadura de nocello que sufriu a semana pasada e que lle impediu competir na Copa do Mundo de Cagliari.
Antonio estivo toda a semana en mans dos fisios tentando poder competir nesta proba e, a pesar de que aínda non estaba recuperado, decidiu probarse. E as cousas non lle foron de todo mal. Estivo sempre moi ben colocado e competindo cos mellores. Onde tivo menos molestias foi na natación e na bicicleta e así chegou a segunda transición no grupo principal de 33 triatletas, entre os que se encontraban os grandes favoritos.
Na carreira a pé, as molestias aumentaron e máis á medida que ían pasando os quilómetros, pero a pesar de todo Serrat puido rematar a proba e nunha posición moi digna (18ª) cun tempo de 01:48:29.
Destacar o triunfo de Richard Murray e a segunda posición de Mario Mola. Serrat foi o segundo español.
Aínda que o equipo de fisioterapeutas e médicos de Fernando Alarza traballaron duro e a contrarreloxo para tentar chegar a esta cita, finalmente decidiron non participar para evitar o risco de que se agrave a lesión que sofre.
Despois da WTS de Yokohama onde Fernando foi terceiro, empezou a sentir molestias no seu tendón aquíleo dereito, onde posteriormente comprobouse que tiña unha pequena fractura.
Actualmente Alarza traballa co seu equipo médico para chegar a punto á seguinte cita das Series Mundiais en Hamburgo o próximo 14 de Xullo.