Antonio Serrat logrou hoxe o bronce na primeira Copa de Europa de Tríatlon desta tempada, que se celebrou en Gran Canaria. Con este resultado, o noso deportista achégase un pouquiño máis ás Series Mundiais, ao ser o primeiro español clasificado.
Magnífica actuación de Antonio que foi de menos a máis para rematar cun bronce nun emocionante final con Pevtsov, que lle arrebatou a prata nos últimos metros.
Non foi unha proba sinxela. A natación foi dura, xa que o mar estaba moi revolto e desgastaba aos deportistas. Antonio Serrat estivo metido no primeiro grupo da bicicleta e así saíu a correr sétimo a uns 16 segundos do deportista que ía na primeira posición, o suízo Adrien Briffod. Na carreira a pé, o británico Izzard logrou superar ao suízo e manter unha distancia duns 20 segundos sobre os que viñan por detrás, onde Antonio tamén estaba en liña ascendente e foi recuperando posicións ata colocarse segundo, a uns 15 segundos do líder, a falta dun quilómetro. Pero Rostislav Pevtsov logrou adiantalo nos metros finais. Serrat explicou que as sensacións correndo non foron moi boas, pero pese a todo loitou ata o final para acadar ese bronce e ser o primeiro español.
Na proba feminina Joselyn Brea saíu moi retrasada da auga e foi remontando, sobre todo na carreira a pé, ata alcanzar o posto 19º.
A proba celebrouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pé) e a natación foi moi dura, xa que o mar estaba moi revolto.